A familia é, ou debería ser, fundamentalmente fonte de apoio, calidez e alegría para os seus membros. Con todo, é inevitable que xurdan tensións provocadas moitas veces polo cansazo do día a día, a falta de horas para un mesmo, a atención e coidado aos outros (fillos/ as, familiares dependentes…) ou calquera outra preocupación que poida xurdir. Nos momentos nos que aparecen dificultades estamos tan inmersos nos problemas que, en moitas ocasións, non somos conscientes das cousas positivas que tamén suceden ao noso ao redor.

Unha tarefa típica da terapia breve centrada en solucións que pode axudar a abrir unha xanela ás excepcións é esta que vos propoñemos.

É importante tomarllo como un xogo, xa que se trata de que o ambiente se distenda. Como facelo? Necesítase unha caixa cun pequeno burato (modo urna ou hucha) e varios tacos de papeliños de cores, tantos como persoas que convivan.

A idea é a seguinte:

1. Colócase a caixa nun espazo común, como pode ser o comedor, o salón, a cociña, visible e accesible para todos.

2. Despois asígnaselle unha cor a cada membro da familia.

3. Unha vez feito, cada vez que un membro vexa ou oia algo que di ou fai algún dos demais que lle guste moito, collerá o papel da cor que corresponde á persoa en cuestión e escribirá: “Gustoume moito que haxas…”

4. A continuación, deberase introducir dobrado na caixa das caricias.

5. Ao final do día (ou cando se acorde, máximo 3 días) deberanse reunir todos os membros e ler en voz alta cada persoa os papeis que correspondan á súa cor. A ter en conta:

5.1. Só se poden introducir comentarios positivos.

5.2. Só se pode ler o que hai dentro da caixa cando toda a familia estea reunida.

5.3. O momento para abrir a caixa debe ser un momento, relaxado, sen présas e que promova o agarimo e a positividade.

5.4. Cada eloxio debe obter unha resposta positiva da persoa eloxiada: un sorriso, un “grazas”, un abrazo…

5.5. É importante, eloxiar con sinceridade e fixarse con moita atención aínda que sexan cousas moi pequenas pero que, para quen eloxie, signifiquen algo importante.

Esperamos que se a poñedes en práctica póidavos servir e que, como di a frase, recordéis "pasando polo corazón" aquelas situacións positivas que estamos seguros continúan sucedendo.