En principio, seguramente estaremos de acordo coa máxima de que “todos os pais queren o mellor para os seus fillos”. De maneira habitual cando lle preguntas a un pai ou a unha nai que é o que querería para as súas fillas nun futuro, o primeiro que adoitamos contestar é “que sexan felices”. Obviamente, isto non pasa de ser un desexo, xa que como obxectivo é imposible de cumprir, xa sabemos que a felicidade ou non dos nosos fillos non depende, en exclusiva, do que fagamos ou non como pais.

Pero, é evidente que, moitas das cousas que fagamos, ou deixemos de facer, influiranlles e axudarán a seguir un camiño no que teñan máis posibilidades de atopar a súa propia definición de “ser feliz”.

Así, hai algúns patróns recorrentes de relación pais-fillos cos que lle podemos complicar este camiño do que falamos.

Un dos máis frecuentes, segundo sinalan os estudos nestes momentos, é o modelo hiperprotector.

Estes pais adoitan ser cariñosos, doces, próximos... Preocúpanse pola vida dos seus fillos: como lle vai no colexio, como rende nas actividades extraescolares, como se relaciona coas súas amigas…, adoitan facerlles moitas preguntas e mostrarse moi interesados por todo o seu mundo (onde van, que fan).

Ata aquí, poderiamos pensar que todo normal, queren o mellor para os seus nenos!” Pero, empezan a complicarse as cousas… seguramente sexa unha cuestión de medida e neste caso “máis” non equivale a “mellor”.

Así, os pais hiperprotectores adoitan ter o que se coñece como un comportamento de “asistencia rápida”, é dicir, adoitan intervir ante cada mínima dificultade que se poida presentar na vida dos fillos (xa sexa no colexio, no parque cando discute cun amigo ou ante a comida que lle preparamos…) sempre coa boa intención de facilitarlle o camiño e de que non sufran.

Adoita ser habitual que lles resulte difícil corrixir un comportamento non desexado do seu fillo, cambiando as normas se consideran que son demasiado frustrantes para este.

Estes dous tipos de comportamento adoitan combinarse (a asistencia excesiva resolvendo as dificultades do fillo e a escaseza de límites ou a súa frecuente modificación).

As consecuencias para os nenos poden ser varias, as máis frecuentes adoitan ser: ou nenos (e adultos) dependentes e inseguros, sen capacidade de resolución, xa que non aprenderon a como facelo, que presentan unha importante falta de autonomía, ou nenos (e adultos) tiranos que non aceptan as mínimas frustracións e que reaccionan con agresividade se as súas necesidades e desexos non son satisfeitos polo mero feito de ser expresados.

Déixovos unha frase que creo que pode servir para empezar a romper este patrón que, sen dúbida, prodúcese coa mellor das intencións.