As distorsions cognitivas son erros que todos cometemos na nosa interpretación da realidade. É coma se tivésemos miopía e utilizásemos unhas lentes de menor gradación que non nos permitisen apreciar todos os matices que se nos presentan.

Non supoñen unha enfermidade ou un trastorno pero se se converten en patróns ríxidos de resposta ante o que nos sucede supoñerán un problema para nós. Estes erros están presentes en moitos problemas psicolóxicos como a depresión, ansiedade, fobias, dificultades relacionais…

1. A sobrexeneralización.

Poderiamos poñer moitos exemplos, porque seguramente todos e todas caésemos nesta trampa, sacando unha conclusión xeral dun só feito particular sen base suficiente. Así, se tras unha entrevista de traballo na que finalmente non logro o posto, penso “nunca conseguirei traballo” ou se tras unha ruptura de parella dígome “ninguén me quererá”, ou como non, se ao cometer un erro dicímonos: “todo me sae mal”… estamos a quedar atrapados nesta trampa.

Se somos conscientes de que habitualmente a utilizamos, podemos axudarnos a “graduarmos a mente” facéndonos algunhas das seguintes preguntas: En que me baseo para afirmar isto?, Cantas veces ocorreu?, “X” veces, significa todas as veces?, Todas as veces ocorreu así, sempre foi así?, Podo lembrar algunhas ocasións en que non ocorreu o que creo?, Que aspectos positivos non estou a ter en conta? Que está a deixar de ver a miña mente ao afirmar isto?.

Cando sacamos unha conclusión xeral dun só feito particular sen base suficiente, caemos na sobrexeneralización.

Se ademais empezamos a cambiar os “Todos…sempre…nunca…nada” por “a miúdo…é posible…ás veces”, comezamos a construír unha realidade que nos facilita maiores saídas ás diferentes situacións coas que nos atopamos.

Na próxima entrada, explicarémosvos outra distorsión cognitiva moi común; Os "debería de" ou "Teño que".